Thursday 02 de May de 2024

O BNG presenta propostas e mobilizarase para urxir solucións á crise de prezos que palíen a crise económica


Pérez Barral: “Galiza pode contar co BNG para superar esta crise económica e de alza de prezos”

O responsábel do Bloque na Barbanza, Luís Pérez e membros do BNG barbancés, comezaron cos repartos informativos da campaña que o BNG acaba de iniciar para reclamar solucións á crise de prezos e que rematará cunha manifestación o próximo 3 de abril en Santiago, para a que poñen autobús de balde e fan un chamamento á participación de todos os colectivos afectados e do conxunto da sociedade co obxectivo de “reclamar con presión social nas rúas que se tomen medidas xa para evitar o colapso dos nosos sectores económicos”.

Neste sentido, Barral valorou positivamente a acollida desta campaña entre a poboación o que “demostra que a xente non pode agardar máis a que se tomen medidas para paliar a crise da alza de prezos.

Barral considera “iimpresentable” que nin a Xunta nin o Goberno central estean poñendo sobre a mesa “solucións reais e eficaces, no curto e no medio prazo, para darlle oxíxeno a sectores estratéxicos da economía do País”. “Esta crise está a provocar unha situación de estrema gravidade, con familias cada día máis empobrecidas, un goteo continuo de empresas que están paralizando a súa actividade e con sectores clave dentro da economía galega, como o agrogandeiro e o pesqueiro, nunha situación de colapso”, advertiu, para recalcar a continuación que “urxe actuar para que esta escalada de prezos non siga poñendo en risco miles de empregos”.

A esta campaña de mobilizacións, que se desenvolverá baixo o lema ‘Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer!’, o responsábel comarcal sumou a presión institucional que o Bloque levará ao Congreso, ao Parlamento galego e aos concellos, onde se presentarán propostas encamiñadas a paliar a crise porque mentres os gobernos estatal e galego seguen de brazos cruzados hai moitas familias e sectores económicos afogados”.

“Galiza pode contar co BNG, imos seguir traballando para darlle esperanza a este País, imos deixarnos a pel para sacar adiante á clase traballadora, ás persoas autónomas, as gandeiras e gandeiros que pelexan para darnos alimentos de calidade, a xente do mar que sae faenar tódolos días, aos transportistas que fan que todo o que necesitamos chegue ás nosas casas. Imos seguir dándolle a man a eses homes e mulleres que cada día abren o seu negocio e ás familias que sofren para chegar a fin de mes. Que saiban que poden contar co BNG para saír adiante e superar esta crise”, recalcou Pérez Barral.

Barral lamentou que Núñez Feixóo estea dedicado “única e exclusivamente a botar balóns fóra” e sexa incapaz de poñer en riba da mesa unha soa medida para enfrontar unha crise que, segundo recalcou, está a incidir dunha maneira máis forte en Galiza”, aludindo así ao maior crecemento da inflación no País en relación á media estatal.

Dez medidas a curto prazo para oxixenar a familias e sectores máis afectados

Así pois, os nacionalistas propoñen accións a curto prazo que o BNG si ten e que vai defender, entre as que sinalaron a prohibición da venda a perdas no sector primario, tal e como recolle a lei de cadea alimentaria, a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoables e a fixación dun prezo máximo para a electricidade neste ámbito.

De igual xeito, no BNG avogan por articular axudas extraordinarias ao sector gandeiro e pesqueiro a través do que se coñece como axudas mínimos -ás que non superan os 200.000 €- e que poden adoptar forma de subvencións, préstamos ou deducións, así como manter as bonificacións ao combustible da frota pesqueira e garantir por parte do Estado o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da escalada de prezos.

Por último, defenden a rebaixa temporal dos impostos aos carburantes, distinguindo entre consumo doméstico e profesional, a redución das peaxes en todas as autoestradas galegas, a actuación inmediata sobre o mercado enerxético “poñendo fin aos beneficios caídos do ceo” e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para compensar a Galiza por ser produtora de electricidade.